POR SE CHEGA A PRIMAVERA A NOSA TERRA
Letra: Xoxé A. Miguélez Díaz
Música: Martín Sanjurjo Sixto
Se chega a primavera á nosa patria, co seu ledo estoupido en volvoretas,
e a vedes danzar moza en cada folla, enchendo de arrecendo as suas roseiras.
Se a ollades puxar bébeda en verdura, con paso firme logo da invernía,
triunfar dos desalentos e dos medos, e achar lugar na terra rexurdida.
Se ouvides o aturuxo de vitoria, vengando con orgullo o sofrimento,
ó ver da terra nova a luz do día, a terra do pan-trigo sen lamento.
Se a vedes chorar maina de alegría, medrándolle a bullón o seu contento,
cal luz que nace e medra coa amencida, despois da escura noite padecida.
Buscade axiña gaitas prá gran festa, veñan vellos e nenos ó festexo,
chamade ó sol que non se poña nunca, limpade o aire e que canten os merlos.
Brindai coa patria miña redimida, facede festa e troula e rexoubeo,
beilade esa vitoria conseguida, tras tanto abouro no longo desterro.
Se chega a primavera á nosa patria, co seu ledo estoupido en volvoretas,
e a vedes danzar moza en cada folla, mudando en vigoría as suas canseiras.
Axudaille e que non se apague o canto, que o gozo teña amplo abranguimento,
desde a tona da pel á carne viva, nunha aperta tan fonda coma o vento.
Que dure a festa arreo noite e día, que ninguén poña chatas ó seu gozo,
e só despois se a vedes serenada, lembrade a patria o sangue do seu logro.
Falaille daquel pan que foi sostento, calado e xeneroso no desterro,
faládelle dos tristes dos vencidos, charetas malogrados no camiño.
Decídelle que lembre ós desorados, os orfos, os difuntos, os eivados,
que reclame festa para todos, un consolo que chegue a todo o povo.
Que reclame ternura para todos, vida e festa pra quen foi lamento,
inmensos mares cheos de ternura, pra quen foi pan da patria no desterro.