A "XUNTA" DA CULATA

Letra: Miguel Angel Sanjurjo Sixto

Música: Martín Sanjurjo Sixto (Retrouso: popular)

RETROUSO:

Tiruliruliru miña gaita, tiruliruliru que che falta,

te-lo viño na bodega, e o pan de trigo na arca.

Nosa terra é coma un coche, estanos dando moita lata,

hai que cambiarlle a "xunta", ¡ ai ! a xunta da culata.

Ten a dirección moi torta, e non atopa o camiño,

foi mercado nun desguace, por encargo dos veciños.

Tiruliruliru......

Cando o poñemos a andar(e), agarrótanselle os freos,

que tamén foron mercados no desguace madrileño,

as buxías non dan chispa, e quedámonos parados,

isto chéirame ó chamusco, coma o dos montes queimados.

Tiruliruliru......

Deste coche que non anda, e tanto da que falar(e),

xa que fómo-los galegos, quen o quixemos mercar(e),

ten as rodas moi lampiñas, e patínalle o embrague,

este non parece o coche, de vascos e cataláns(es).

Tiruliruliru......

E se falamos do cambio a pesar da garantía,

non hai marcha que lle entre, nin de noite nin de día,

por enriba da ferruxe, soamente ten fachenda,

que o falar non ten cancelas, "quen queira entender que entenda".

Tiruliruliru.......

Foron cinco mil gaiteiros, ben repletos de empanada,

para festexa-la compra, deste coche que non anda,

haiche pouquiña memoria, da historia do pais,

antes non eran gaiteiros, eran "guardias color gris".

 

 

 

VOLTAR A DISCOGRAFIA